Posicionamento do Sistema Universitario Galego ante o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas
As universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo abriron hoxe o primeiro prazo de matrícula no Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas, que substitúe ao CAP, a pesar de non ter asinado aínda o convenio coa Consellería de Educación que garanta as prácticas para os alumnos deste máster.
Da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria depende directamente a realización do Practicum do mestrado, para o que previamente debe publicar unha Orde na que se convoque aos centros de Secundaria e ao seu profesorado para que participen nas devanditas prácticas. A continuación, debe acreditar aos centros solicitantes como centros de prácticas e de igual maneira aos titores e ás titoras, así como garantir ás universidades que disporán de prazas suficientes para o alumnado matriculado no mestrado, que superará a cifra de 700.
Estas disposicións deben reflectirse oficialmente en convenios entre a Consellería e as tres universidades que, a día de hoxe aínda non se asinaron. “As universidades lamentan que a día de hoxe non estea publicada a Orde que convoca os centros e titores, nin asinados os correspondentes convenios, pese a instar á Consellería a facelo desde hai varios meses”, aseguran responsables das tres universidades.
Neste tempo, intentouse que a Consellería cambiase o contido dos borradores tanto da Orde como dos convenios, ao considerar as tres universidades que a Consellería “non asume a súa responsabilidade e pretende que sexan as universidades as que fagan selección e acreditación dos centros de ensino, así como dos titores e das titoras, a diferenza do que ocorre noutras comunidades autónomas, xa que é a Xunta a que ten a información relevante a estes efectos”, engadindo ademais que “a Consellería pretende que os custes derivados do cambio de modelo formativo sexan asumidos en exclusiva polas universidades”.
Ante esta situación, no Sistema Universitario Galego mantéñense os prazos previstos de matrícula e comezo de curso por responsabilidade cos alumnos preinscritos e considérase que “a Consellería fai deixadez das súas responsabilidades en algo tan importante como é a formación inicial do futuro profesorado de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Idiomas”.
Este mestrado é consecuencia de máis dun intenso ano de traballo nas universidades galegas en que se elaborou unha memoria do novo título, planificouse e organizouse a docencia, as infraestruturas e os medios necesarios para a súa implantación, así como, finalmente, procedeuse a selección do amplo número de solicitantes.
En Galicia este mestrado oferta un conxunto de seis especialidades que, á súa vez, se diversifican en ata tres itinerarios por especialidade, segundo o caso. As universidades do SUG fixeron un esforzo de coordinación na súa oferta e nos procedementos máis axeitados para a súa implantación, no marco da reforma da ensinanza superior ao Espazo Europeo de Educación Superior, nun contexto de colaboración institucional imprescindible tendo en conta que este novo mestrado habilita para a profesión regulada de profesor e profesora destes niveis educativos.
A propia orde ministerial que regula as condicións e requisitos para a verificación deste título esixe a colaboración institucional entre as universidades e as administracións educativas a través do correspondente convenio. Igualmente esixe o recoñecemento dos centros de ensino como centros de prácticas e o correspondente recoñecemento tamén aos titores e titoras encargados da orientación e tutela dos estudantes, do que se deduce a forte implicación que a administración autonómica debe ter no desenvolvemento deste mestrado.