As prácticas externas extracurriculares do Consello Social poderán solicitarse ata o 10 de outubro
O prazo para solicitar as prácticas externas extracurriculares do Consello Social da USC estenderase dende este venres 29 ata o vindeiro 10 de outubro. A convocatoria diríxese a alumnado de grao das titulacións en Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, dobre grao en Bioloxía e Química, Biotecnoloxía, Dereito, dobre grao en Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, Economía, Educación Social, Empresa e Tecnoloxía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Informática, Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Química, Historia, Historia da Arte, Matemáticas, Óptica e Optometría, Pedagoxía, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Robótica, Traballo Social e Veterinaria.
Tamén poden concorrer a esta convocatoria os e as estudantes dos mestrados universitarios en Dirección de Proxectos, Intelixencia Artificial, Investigación Química e Química Industrial e Técnicas Estatísticas. Ademais, tal e como sucedeu en cursos anteriores, o Consello Social outorgará un premio dotado con 1.500 euros ao alumno ou alumna mellor valorado durante este período formativo. Para acadalo, é moi importante que ao rematar a práctica o titor ou titora externo/a achegue o informe de finalización tanto ao titor ou titora académico/a como ao Consello Social.