Ir o contido principal

As prácticas externas extracurriculares do Consello Social da USC poden solicitarse ata o 18 de outubro

As prácticas externas extracurriculares do Consello Social da USC poden solicitarse ata o 18 de outubro
As prácticas externas extracurriculares do Consello Social da USC poden solicitarse ata o 18 de outubro
As prácticas externas extracurriculares do Consello Social da USC poden solicitarse ata o 18 de outubro

Ata o día 18 de outubro permanecerá aberto o prazo para a presentación de solicitudes da nova convocatoria de prácticas externas extracurriculares do Consello Social. Posúen a consideración de extracurriculares as prácticas que se realizan con carácter voluntario durante o período de formación do alumnado de grao e máster. Estas prácticas non forman parte do seu plano de estudos, non obstante deberán figurar no Expediente Académico e no Suplemento Europeo ao Título, sempre que se realizaran antes da finalización dos estudos. Poderán realizarse en empresas, institucións e entidades públicas ou privadas con sede no territorio nacional, así como na propia universidade.

As prazas desta nova convocatoria deberán estar comprendidas entre o 18 de setembro de 2018 e o 31 de maio e están dirixidas a alumnado dos graos en Administración e dirección de empresas, Bioloxía, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñaría agrícola e agroalimentaria, Enxeñaría civil, Xeomática e topografía, Enxeñaría forestal e do medio natural, Enxeñaría informática, Enxeñaría química, Física, Historia, Historia da arte, Lingua e literatura inglesas, Lingua e Literaturas Modernas (alemán, francés, portugués), Matemáticas, Pedagoxía, Química, Relacións laborais e recursos humanos, Traballo Social e Veterinaria. Tamén existen prazas para estudantes dos dobres graos en Dereito e Relacións laborais e recursos humanos e de Enxeñaría agrícola e agroalimentaria e Forestal e do Medio Natural, así como dos másteres en Psicoxerentoloxía e Xerontoloxía.

A selección realizarase tendo en conta a media do expediente académico, agás o alumnado de adxudicación preferente. O alumnado seleccionado elixirá, de acordo co titor ou titora da entidade as datas e o horario da práctica, tendo en conta que a realización efectiva desta terá como límite o 30 de setembro do curso seguinte a aquel no que a matriculou. A duración de cada práctica en ningún caso pode ser superior a seis meses. O período das prácticas terá unha duración mínima de 125 horas, equivalente a 5 créditos ECTS e máxima de 750 horas (30 ECTS).

É unha convocatoria dirixida a estudantes da USC que non teñan cuberto o número máximo de créditos de prácticas externas extracurriculares nin superado o Traballo Fin de Grao ou Mestrado da titulación pola que solicite as prácticas. Tampouco deberá manter relación contractual coa empresa, institución ou entidade na que se vai realizar este período. Toda a información relativa á convocatoria así como as empresas nas que actualmente se ofertan prazas pode consultarse na web do Consello Social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2022.