O prazo para a admisión de orixinais nos Premios á introducións da perspectiva de xénero da USC remata o mércores
A admisión de orixinais á cuarta edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero da USC poderá realizarse ata o próximo mércores 18. Esta é unha iniciativa que convoca a Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade coa finalidade de fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación a través do recoñecemento de experiencias postas en marcha nos últimos anos Estes Premios contemplan dúas modalidades de participación dirixidas a membros e equipos do PDI da USC. Unha primeira para o profesorado con accións educativas innovadoras realizadas nos últimos tres anos relativas á inclusión da perspectiva de xénero na docencia na USC que supoñan algún tipo de práctica docente susceptible de ser ampliada e xeneralizada a outros contextos do ensino superior. A segunda posible modalidade de participación resérvase para os equipos que levaran a cabo no mesmo período traballos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipóteses, deseño, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación dos resultados obtidos.
Premiaranse ata un máximo de seis experiencias que o xurado considere de maior calidade. Deste xeito establécense tres premios por cada modalidade de entre 1.000 e 500 euros de contía. Para acadar máis información sobre a convocatoria, as persoas interesadas poden consultar as bases do Premio na páxina web da Oficina de Igualdade de Xénero.