Ir o contido principal

O prazo de inscrición para o seminario de planificación empresarial remata este xoves 25

A incubadora de empresas da USC Uninova, en colaboración co Bic Galicia, organiza unha nova edición do Seminario de Planificación Empresarial que se desenvolverá dende o vindeiro día 6 de novembro na aula de formación da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega (r/ Casas Reais, 8) en horario de 16.00 a 21.00 horas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este xoves, día 25.
O Seminario desenvolverase ao longo de sete sesións presenciais nas que se tratará de explicar os conceptos necesarios para elaborar o Plan de Empresa de cada un dos proxectos participantes. O Plan é unha ferramenta que permitirá responder a preguntas tan importantes nun proxecto empresarial como o volume de negocio necesario para a súa viabilidade, a busca de clientes, ou as necesidades de financiamento.
Paralelamente ás sesións, ofrécese a cada proxecto a axuda personalizada e individualizada dun titor que prestará o asesoramento necesario para contrastar que unha idea se pode converter nun proxecto viable de empresa. O programa do seminario permitirá coñecer os conceptos básicos necesarios para a elaboración do plan de empresa, deseñar e elaborar o propio plan ou contrastar a súa viabilidade.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse a Uninova no teléfono 981 519600 ou no enderezo de correo electrónico info [at] uninova.org (info[at]uninova[dot]org).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2007.