Ir o contido principal

O prazo para participar no II Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre permanecerá aberto ata o 31 de outubro

O prazo para participar na segunda edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre permanecerá aberto ata o 31 de outubro para os estudantes de calquera das titulacións que se imparten nas tres universidades galegas. O premio promóveo a compañía galega do sector tecnolóxico Igalia en colaboración coas universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e coa Consellaría de Innovación e Industria a través de Mancomún, o seu centro de referencia e servizos de software libre.
A esta convocatoria poden concorrer estudantes de calquera titulación que cimenten o seu proxecto fin de carreira nun novo desenvolvemento baseado en software libre ou melloren un xa existente. Trátase dunha iniciativa, pioneira en Galicia, para fomentar o achegamento e coñecemento dos estudantes universitarios galegos sobre o software libre e promover o emprego de calidade baseado no uso das tecnoloxías da información e as comunicacións.
A inscrición xa está aberta e pode conformarse na páxina web de Igalia http://www.igalia.com/events/inscripcion_premio/ ou tamén na de Mancomún https://forxa.mancomun.org/softwaremap/trove_list.php?form_cat=316. Un xurado integrado por expertos de Igalia, das tres universidades e Mancomún determinará cal é o mellor proxecto fin de carreira, que obterá un premio de 1.000 euros. Igualmente poderá conceder, se o considera oportuno, un accésit de 500 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2008.