Ir o contido principal

A premiada co Biblos-Pazos de Galicia 2007 presentou a súa novela na Facultade de Ciencias da Comunicación

Patricia Casas Vázquez presentou este xoves 17 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a novela gañadora da terceira edición do premio Biblios-Pazos de Galicia e as bases da vindeira convocatoria. Ao acto tamén asistiu o galardoado en 2005 Alberto Casas.
Titulada Teselas de cidades, a obra rematouse no transcurso dunha estadía na Casa Grande do Bachao onde, durante o pasado mes de outubro, a escritora Helena Villar Janeiro exerceu de titora da galardoada.
Ademais desta estancia pagada, o premio Biblio-Pazos de Galicia para menores de 25 anos inclúe a escultura ‘A peneira dos soños’ de Luís Loureira, un ordenador portátil e a edición da obra en galego e castelán, cuxa tradución realizouna Saleta Fernández.
Licenciada en Dereito e estudante de Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, a autora de 24 anos mostra en Teselas de cidade unha visión do transcorrer da existencia urbana, complexa, dinámica, algo caótica e sempre chea de xogos do azar. A novela, que tivo como título provisional Vidas entrelazadas, recolle varias historias independentes que teñen en común a cidade herculina e a relación casual que constitúe a alma deste contorno urbano.
O xurado que concedeu o premio a Patricia Casas estivo integrado polo gañador do ano anterior, Alberto Ramos; o xornalista e escritor Camilo Franco; o director literario de Biblio, Tucho Calvo; e a escritora e profesora Helena Villar Janeiro. Segundo indica a acta de concesión, o premio outorgóuselle pola adecuación da novela aos ritmos urbanos e a vontade de atopar formas alternativas de narración que singularizan esta proposta.
Tamén foron finalistas do Biblios-Pazos 2007 a lucense Cristina Ferreiro Real e a santiaguesa Raquel Campos Pico. Por outra banda, as dúas edicións anteriores premiaron a Iria López Teijeiro, coa novela Meniña de cristal tutelada por Xosé Luís Méndez Ferrín, e a Alberto Ramos, que tivo para Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2008.