Premian un traballo de estatística e investigación operativa do doutorando da USC Jose Ameijeiras Alonso
O doutorando da USC Jose Ameijeiras Alonso recibiu o premio á Mellor Comunicación Oral na Área de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas no IV Encontro da Mocidade Investigadora celebrado estes días en Santiago de Compostela. Ameijeras Alonso está facendo a súa tese de doutoramento no Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas da USC dirixida polos profesores Rosa M. Crujeiras e Alberto Rodríguez Casal.
O traballo ‘Como ordenar revistas científicas’ recolle unha revisión dos principais índices empregados na actualidade no eido da clasificación das revistas científicas de impacto, un tema especialmente relevante para todos os investigadores, non só os da rama das Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas. Ameijeiras propón un novo índice, con técnicas probabilísticas e estatísticas para ordenar as revistas en función da relevancia metodolóxica na súa área.
Este premio, que recoñece o labor dos novos investigadores na rama de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas, convocouse co gallo do IV Encontro da Mocidade Investigadora organizado pola Escola de Doutoramento Internacional da USC.