Novo premio para un investigador do CIQUS da USC
O estudante de doutoramento do CIQUS Mateo Sánchez López foi galardoado cun dos tres Premios de Investigación Lilly na súa décimo segunda edición. Sánchez desenvolve a súa tese doutoral baixo a dirección dos profesores José Luis Mascareñas e M. Eugenio Vázquez na área de química biolóxica. O doutorando da USC é o terceiro investigador predoutoral do CIQUS que recibe este galardón, tras Lorena Tizón en 2012 e Isaac Alonso en 2013. O galardoado centra o seu traballo doutoral no desenvolvemento de moléculas capaces de recoñecer ácidos nucleicos, especialmente ADN, de forma selectiva. Dispor de moléculas intelixentes capaces de alterar dunha maneira predicible e programable procesos específicos, como os implicados na expresión xenética, podería conducir a unha mellor comprensión dos detalles moleculares deses procesos así como proporcionar a base para o descubrimento de novos medicamentos. Estes premios, dotados con 1.500 euros, recoñecen a excelencia académica e a traxectoria de novos investigadores nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica de toda España. Como novidade este ano, Lilly, a través do Comité Europeo para as Relacións Académicas (EUACC), designou un Comité Científico Externo para seleccionar os tres premiados, de cuxos traballos destacou “as moi novidosas aproximacións sobre o desenvolvemento de novos fármacos”. O premio foille entregado o paso venres no Centro de Investigación Básica de Lilly España en Madrid nun acto no que Mateo Sánchez tivo ocasión de presentar o seu traballo e que contou cunha conferencia plenaria do profesor John F. Hartwig, da Universidade de California en Berkeley. O feito de que o CIQUS, con pouco máis de tres anos en funcionamento, conseguise ter alumnos premiados nas tres últimas edicións dos Lilly é para a súa directora adxunta, Dolores Pérez, “ realmente significativo e indicativo do nivel da investigación e da capacidade formativa do noso centro”. Ademais, lembra Pérez, o CIQUS destaca por outros premios para novos investigadores, como en 2013 o SusChem ou en 2012 o European Young Chemist Award.