Ir o contido principal

O Premio Jesús García Calvo dedicará a súa convocatoria 2018 ao cooperativismo agrogandeiro en Galicia

A quinta edición do Premio Jesús García Calvo, que en 2018 conmemora o 50 aniversario de Feiraco, propón como tema de estudo o cooperativismo agrogandeiro en Galicia arredor, ámbito temático arredor do que deberá xirar o traballo de investigación que se presente a concurso. O obxectivo da convocatoria é destacar aquelas propostas que contribúan ao mellor coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e o cooperativismo en Galicia co obxectivo último de mellorar as actividades económicas e a calidade de vida da poboación rural.

As candidaturas, individuais ou en equipo, presentaranse antes do 28 de febreiro de 2018 na secretaria do Instituto de Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) en horarios de 9.00 a 14.00 horas ou ben por correo postal a IDEGA (Avda. das Ciencias, chalet nº 1 Campus Vida – 15782 Santiago de Compostela). O premio está convocado polo IDEGA e Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN).

Tema da investigación
Cun enfoque prospectivo, este premio trata de impulsar a investigación do proceso de desenvolvemento do cooperativismo e da produción de leite e a súa contribución á economía social en Galicia, as súas relacións coa nova economía rural diversificada, a súa capacidade de xeración de riqueza e o seu impacto territorial. Son de interese a análise dos procesos de fixación da poboación rural ao territorio, a innovación tecnolóxica, as alternativas no ámbito da produción, comercialización e distribución dos produtos lácteos, a análise prospectiva de novos mercados, a protección do medio rural e as oportunidades das enerxías sostibles.

O premio ten unha dotación de 5.000 euros, que a proposta gañadora recibirá coa entrega dun informe parcial o 29 de xuño de 2018 na secretaria do IDEGA e o restante 50% coa entrega do informe final de resultados. Neste senso, o traballador gañador desenvolverase de acordo co anteproxecto seleccionado e deberá ser entregado na mesma dirección do instituto universitario antes do 30 de setembro.

Documentación
Para formalizar a presentación de propostas é preciso presentar un documento, en formato PDF co anteproxecto da investigación a desenvolver, incluíndo título, xustificación do interese, obxectivos, índice detallado da investigación, unha metodoloxía e referencias bibliográficas. Tamén se incluirá un currículo breve da persoa ou persoas que presentan a proposta, igualmente en formato PDF.

O xurado determinará o seu ditame antes do 31 de marzo. Integrarano o reitor como presidente, o presidente da Fundación Feiraco, un conselleiro de CLUN, o director do IDEGA (secretario) e tres expertos de recoñecido prestixio no campo do desenvolvemento rural e o cooperativismo en Galicia designados de común acordo entre as dúas entidades convocantes.

O xurado poderá declarar deserto o premio e a maioría considera que ningunha das candidaturas reúne o nivel necesario. Cada membro do xurado seleccionará unha contribución de entre as presentadas, someténdoas a sucesivas roldas de votación nas que se eliminarán as de menor número de votos. Na votación final entre as dúas contribucións finalistas determinarase a premiada por maioría simple.

Premio García Calvo
O premio Jesús García Calvo está considerado un referente na investigación do cooperativismo e da economía rural en Galicia. Instaurado na memoria do que foi presidente fundador de Feiraco, durante as catro edicións celebradas ata o de agora ten premiado publicacións e artigos científicos, teses de doutoramento, traballos de fin de máster e de grao que destacaron polas súas achegas para a investigación histórica, xeográfica, económica, sociolóxica e antropolóxica e para o desenvolvemento do medio rural galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2018.