Ir o contido principal

Premio ás mellores comunicacións no XIII Congreso Galego de Estatística para dous doutorandos da USC

Jorge Rodríguez Veiga e Isabel Borrajo García son doutorandos da Facultade de Matemáticas
Jorge Rodríguez Veiga e Isabel Borrajo García son doutorandos da Facultade de Matemáticas

Os doutorandos da USC Jorge Rodríguez Veiga e Isabel Borrajo García fixéronse cos premios ás mellores comunicacións presentadas no XIII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións que tivo lugar estes días en Ferrol organizado polo Departamento de Matemáticas da UDC e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO).

O premio á mellor comunicación aplicada foi para o traballo ‘Un modelo de programación matemática para a selección e asignación temporal de recursos aéreos destinados á contención dun incendio forestal’ de Jorge Rodríguez Veiga e da que son coautoras Balbina Virginia Casas Méndez e María José Ginzo Villamayor, tamén da USC. No traballo proponse un modelo de optimización matemática para seleccionar os recursos necesarios na extinción de incendios, así como a asignación das tarefas que as aeronaves realizarán en cada instante.

A mellor comunicación teórica foi a de María Isabel Borrajo García polo traballo ‘ Characterization of point processes with covariates through the first-order intensity function’ da que tamén son autores Wenceslao González Manteiga, da USC, e María Dolores Martínez Miranda, da Universidade de Granada. Na súa proposta proporciona dúas contribucións no ámbito da inferencia estatística en procesos puntuais: estimación e contraste da función de intensidade empregando covariables.

Tanto Rodríguez Veiga como Borrajo García son estudantes de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC, baixo a dirección de Balbina Casas e Wenceslao González e María Dolores Martínez. A cada unha das dúas comunicacións premiadas correspondeulles un premio en metálico de 500€.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2017.