Ir o contido principal

O Premio Nobel de Química 2015 Tomas Lindahl visitará a USC a fins de novembro convidado polo Programa ConCiencia

Tomas Lindahl
Tomas Lindahl
Lindahl pronunciará o relatorio ‘Inestabilidade de ADN e posibles formas de vida alternativas’
Santiago de Compostela

O Premio Nobel de Química 2015 Tomas Lindahl, galardoado polos seus estudos mecanísticos da reparación de ADN, visitará a USC no vindeiro mes de novembro no marco do Programa ConCiencia. Lindahl pronunciará o relatorio ‘Inestabilidade de ADN e posibles formas de vida alternativas’ e tomará parte no XXV Encontro galego-portugués de química.

O acto enmárcase nas actividades da décimo cuarta edición do Programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago de Compostela, e conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología - Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.

Premio Nobel "polos seus estudos mecanísticos da reparación de ADN"

Nado en Estocolmo, Suecia, en 1938, Tomas Lindahl estudou medicina no Instituto Karolinska, onde desenvolveu o seu interese pola bioquímica e se doctorou en 1967. Durante a súa etapa postdoutoral nas Universidades de Princeton (Nova Jersey) e Rockefeller (Nova York), decatouse de que os ARN transferentes, uns pequenos ácidos nucleicos implicados na fabricación de proteínas, se degradaban espontaneamente ao seren quentados. Esta observación marcaría a súa futura carreira científica, xa que se preguntou se o ADN, o ácido nucleico que codifica a información xenética, podería sufrir unha descomposición semellante.

Tras volver a Suecia como profesor de química médica e fisiolóxica á Universidade de Gothenburg, o traballo pioneiro de Lindahl demostrou que o ADN é unha molécula intrinsecamente inestable, levándoo a postular que as células deben contar con sistemas de reparación eficientes que aseguren o mantemento da súa estabilidade xenómica. Nos seguintes anos, o seu laboratorio identificou numerosas enzimas de reparación, o que lle permitiu definir e reconstituír o mecanismo universal de reparación por escisión de bases. As contribucións de Lindahl permitiron abrir un novo campo de investigación con profundas implicacións na nosa comprensión da bioloxía molecular básica e da aparición de enfermidades xenéticas, así como no desenvolvemento de novas terapias antitumorais.

Ademais dos seus logros científicos, Tomas Lindahl foi o primeiro director dos laboratorios de Clare Hall desde 1986 ata 2005. Baixo o seu liderado, este pequeno centro de investigación ao norte de Londres converteuse nun dos centros de referencia a nivel mundial no estudo dos tres erres do metabolismo do ADN: Reparación, Recombinación e Replicación.

Na actualidade, Tomas Lindahl continúa como científico emérito no Instituto Francis Crick de Londres. Ademais do premio Nobel, Lindahl recibiu outros premios de gran relevancia, como a Medalla Real da Royal Society en 2007, o Prix Etranger do INSERM (2009) e a Medalla Copley da Royal Society en 2010, o galardón científico máis antigo do mundo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.12.2019.