O Premio Otero Pedrayo 2023 recoñece o labor do profesor Darío Villanueva
O ex reitor Darío Villanueva acaba de ser recoñecido co Premio Otero Pedrayo na súa convocatoria de 2023 polos seus “méritos no académico, na investigación e na actividade profesional como crítico literario e escritor, así como no institucional”. O premio Otero Pedrayo busca perpetuar e honrar a memoria do ilustre galeguista, promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.
Este galardón impulsado pola Xunta de Galicia e as catro deputacións provinciais recoñece a contribución á cultura de persoas e entidades nos campos das letras e do coñecemento. Con esta decisión, busca destacarse a traxectoria do vilalbés, autor de numerosos ensaios sobre escritores como Valle-Inclán, Azorín, Torrente Ballester, Camilo J. Cela ou Emilia Pardo Bazán. Tamén foi presidente da Real Academia Española e reitor da Universidade de Santiago de Compostela.
O xurado estivo composto por representantes do Goberno galego, das catro deputacións, das universidades galegas, da Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo.