O premio de pintura CreArte pecha o venres o prazo de presentación de obras
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais mantén aberto ata o vindeiro 20 de marzo o prazo para presentarse á cuarta edición do certame de pintura CreArte, convocado coa intención de potenciar e difundir a creación artística dos membros da comunidade universitaria e, nesta nova convocatoria, tamén á sociedade en xeral. O xurado, presidido pola decana do centro, estará composto por membros da USC e da comunidade artística da contorna. Das imaxes das obras presentadas deberán facer unha selección, que no mes de abril conformará unha exposición temporal na facultade. Haberá un único premio, de 600 euros. Ademais, esa obra pasará a formar parte do patrimonio da Facultade, sendo exposta durante un ano no seu ‘Espazo de Arte’ reservado para tal fin. A entrega do premio farase coincidir coa celebración do Patrón do centro e inauguración da exposición, en abril.
Para participar no concurso deberase presentar unha única obra inédita creada entre xaneiro de 2014 e febreiro de 2015 de temática e técnica libres e dunha dimensión non inferior a 50x50 centímetros nin superior a 120x120.