O Premio Príncipe de Asturias Amable Liñán pasa a formar parte do claustro de doutores honoris causa da USC
O premio Príncipe de Asturias e catedrático de Mecánica de Fluidos da Universidade Politécnica de Madrid, Amable Liñán Martínez, foi investido doutor honoris causa pola Universidade de Santiago este luns 27, nunha cerimonia presidida polo reitor Juan Casares Long. Ao acto, no que interveu como padriño o catedrático de matemática Aplicada Alfredo Bermúdez de Castro, asistiron numerosos compañeiros e discípulos que coincidiron co profesor Liñán ao longo da súa extensa carreira docente e investigadora. No seu discurso, Amable Liñán recordou os avatares da súa formación, os comezos da carreira espacial e os seus estudos en California nunha época que marcou a investigación aeronáutica. Fixo partícipe dos seus éxitos aos seus mestres e discípulos e loou a capacidade intelectual e os valores morais das persoas coas que se atopou durante a súa carreira, cunha lembranza especial para os profesores Gregorio Millán e José Manuel Sendagorta. Liñán insistiu na súa relación coa Universidade de Santiago durante máis de tres décadas, colaborando en proxectos frutíferos como o da Central Térmica As Pontes de Endesa e destacou as cualidades dos investigadores da USC cos que se atopou, así como o traballo realizado por varios profesores da Universidade, entre eles Juan Viaño, ao que lle agradeceu a implantación en Galicia do Proxecto Estalmat para a estimulación de talentos matemáticos entre escolares. O profesor Amable Liñán aproveitou a súa intervención para mostrar a súa preocupación por cuestións como o cambio climático ou a crise económica e a súa repercusión social. O seu padriño, Alfredo Bermúdez de Castro, repasou no seu discurso de gabanza, o currículo de Amable Liñán e recordou os seus comezos como investigador así como a súa vinculación con importantes expertos a nivel internacional e as achegas de todos a aplicación de métodos matemáticos para analizar os problemas da física e da enxeñería. Destacou a participación de Liñán en proxectos emblemáticos vinculados coa USC e coa Axencia Espacial Europea e a súa capacidade para resolver problemas e captar a atención dos asistentes aos seus discursos. O reitor Casares Long tamén destacou na súa intervención o impacto científico e investigador da traxectoria do profesor Liñán con máis de 200 publicacións e participación en numerosos congresos. Casares Long salientou que un dos criterios básicos para a declaración dun honoris causa é ter un compromiso real e continuado coa institución como é o caso de Amable Liñán que colaborou en numerosas investigacións da USC dende os anos 80 a través de proxectos do grupo de Investigación en Enxeñería Matemática do Departamento de Matemática Aplicada. O reitor tamén destacou do profesor Liñán o seu compromiso coa universidade pública e a investigación científica impulsando programas como o Pacto pola Ciencia. Príncipe de Asturias e membro da Real Academia Amable Liñán é considerado unha autoridade mundial no eido da combustión, o seu labor investigador estivo dedicado á mecánica de fluídos e as súas aplicacións, especialmente no relativo á teoría da combustión, incluíndo a formulación matemática e análise dos procesos de combustión, como determinantes dos sistemas de xeración de enerxía e propulsión e o seu papel na emisión de gases e partículas contaminantes. Amable Liñan Martínez naceu en 1934 en Noceda (León). Estudou en Astorga e León e en 1960 gradúase na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos (ETSIA) da Universidade Politécnica de Madrid. Completou os seus estudos no Instituto de Tecnoloxía de California e en 1966 obtén o título de doutor enxeñeiro Aeronáutico pola ETSIA. En 1961 comeza o seu labor docente na Politécnica de Madrid exercendo tamén como profesor visitante nas universidades de California, Michigan, Marsella, Princeton, Pierre et Marie Curie de París e Standford, entre outras. Dende 1997 é profesor adxunto de Yale. A súa vinculación coa Universidade de Santiago iníciase en 1987 onde desenvolveu varios proxectos de investigación. En 1989 foi elixido membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Tamén é membro da Real Academia de Enxeñería de España, Francia e México. En 1993 foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica polos seus estudos en termoquímica de fluídos, e conta con numerosos recoñecementos pola seu labor científico.