Ir o contido principal

O Premio Salvador Velayos recoñece os avances realizados polo catedrático da USC José Rivas Rey no campo do magnetismo

José Rivas Rey
José Rivas Rey
O Club Español de Magnetismo fixo público o fallo da sexta edición deste galardón no marco da última asemblea anual que vén de celebrarse en Gijón.

O catedrático de Electromagnetismo da USC e académico da Real Academia Galega de Ciencias, José Rivas Rey, vén de ser galardoado coa sexta edición do Premio de Magnetismo Salvador Velayos, unha distinción a través da que o Club Español de Magnetismo recoñece as múltiples achegas e o destacado labor desenvolvido no campo do magnetismo por este científico natural de A Pontenova.

O xurado do Premio de Magnetismo Salvador Velayos, un tribunal constituído polos membros do Comité Científico do Club Español de Magnetismo, un órgano integrado polo socios de honra xunto co presidente e o secretario da entidade, fixo público o fallo da sexta edición deste galardón no marco da asemblea anual que vén de celebrar o referido club na Escola Politécnica de Enxeñaría de Xixón da Universidade de Oviedo.

O Premio Salvador Velayos é un prestixioso galardón que recoñece avances e achegas destacadas no ámbito do magnetismo realizadas por científicos e tecnólogos españois ou estranxeiros que estean a realizar o seu labor en España.

O investigador do grupo Magnetismo e Nanotecnoloxía (Nanomag)da USC José Rivas Rey recollerá este galardón no marco da próxima asemblea anual do Club Español de Magnetismo, un foro que se desenvolverá na Universidade de Pamplona en novembro de 2019 e no marco da que o científico lugués ofrecerá unha lección maxistral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2018.