Premio á viabilidade técnica e económica dunha vintena de teses de doutoramento e traballos académicos
A Universidade de Santiago recoñeceu cun total de 18 premios e dous accésits o estudantado cuxos traballos de fin de grao (TFG) e mestrado (TFM) ou teses de doutoramento contivesen unha verdadeira aplicación social e económica. Esta convocatoria do Programa Ícarus, promovido pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, celebrou este mércores no CiQUS o acto de entrega dos premios, que valoran a viabilidade técnica, comercial e económico-financeira, así como o grao de innovación no caso específico das teses de doutoramento, e a introdución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en todos os traballos.
Ícarus contempla varios premios distribuídos por categorías. Na modalidade de tese de doutoramento, por cada área de coñecemento outórgase un primeiro premio de 1.300 euros e un segundo de 850, existindo a posibilidade dun accésit de 250€. Pola súa banda, na categoría de TFG e TFM os premios serán de 1.100 ou 650 euros (1º e 2º, respectivamente), podendo haber tamén un accésit.
Teses de doutoramento
Na modalidade de teses de doutoramento, acadou o primeiro premio na área de coñecemento de Artes e Humanidades a doutora Sabela López Pato polo seu traballo ‘Museoloxías contemporáneas e sistemas culturais emerxentes: modelos, heurísticas, conceptos. Aplicación ao sistema museal galego’. O segundo premio foi para Celtia Rodríguez González por ‘Una Arqueología de género para el estudio de la sociedad de la Gallaecia de los siglos IV- VI d.C’.
Na área de Ciencias Sociais e Xurídicas, o primeiro premio recaeu en Bárbara Torres García por ‘Os retos da seguridade e a saúde laboral ante a dixitalización da empresa. Especial atención á prevención de riscos laborais no traballo a distancia e teletraballo’ e o segundo en Yago Atrio Lema por ‘Perfilado do turista e modelos de recomendación’.
María Florez Mora foi quen conseguiu o primeiro premio na área de Ciencias Experimentais pola súa tese ‘Desenvolvemento de películas compostas respectuosas co medio ambiente a base de quitosano’, mentres que o segundo foi para Andrea Estévez Danta por ‘Investigación do uso de drogas e dá exposición a compostos químicos relacionados cos polímeros mediante a análise de augas residuais e ouriños’.
Na área de Enxeñaría e Arquitectura entregouse só un primeiro premio, que recaeu en Ana Arias Calvo por ‘Conversión de bio-residuos en biomateriais e produtos bioactivos: Un ámbito dá economía circular’.
Por último, na de Ciencias da Saúde foi Óscar Rapado González quen se fixo co primeiro premio coa tese ‘Liquid Biopsies for Precision Medicine in Colorrectal and Head and Neck Cancers: Saliva and Blood Biomarkers’. O segundo foi para Tho Kim Thoa por ‘Eco-innovations for advanced pulmonary drug delivery: beclomethasone dipropionate-loaded alginate particles by supercritical and aerogel technologies’.
TFGs/TFMs
Na modalidade de traballos de fin de grao ou mestrado, houbo un único primeiro premio na área de Artes e Humanidades, que foi para Adrián Noia Vázquez por ‘O Español de Galicia: unha Aproximación á Conciencia de Uso respecto a Variedade Estándar’.
En Ciencias Sociais e Xurídicas o primeiro recaeu en Carlos Dopico Casal por ‘(Des)Conecta: Programa intensivo en liña de mindfulness e autocompaixón para a mellora do benestar psicolóxico dás persoas traballadoras’ e o segundo en Raquel Esther Querentes por ‘Avaliación da performance de carteiras de investimento de empresas familiares’.
Na de Ciencias, Miguel Nó Gómez gañou o primeiro co traballo ‘Desenvolvemento de novos vehículos moleculares baseados en Disolventes Eutécticos para o transporte de poli-ions’ e Raquel Paredes Paredes fíxose co segundo con ‘Estudo do efecto dos factores secretados por células senescentes e apoptóticas no proceso de reprogramación celular’.
Na área Enxeñería e Arquitectura, o primeiro premio foi para Pedro Blanco Valcárcel polo traballo ‘Deseño dunha variante de trazado mediante programación matemática. Estrada N-640 en Meira, Lugo’ e o segundo para Alejandro González Santos por ‘Desenvolvemento de software para controlar unha impresora volumétrica’. Entregouse tamén un accésit a Blanca Méndez López por ‘Agricultura 4.0: Desenvolvemento dunha mota sensora IoT para a automatización do sistema de rega da EPSE’.
Por último, en Ciencias da Saúde o primeiro premio conseguiuno Paula Roade Perez polo traballo ‘Desenvolvemento e optimización dun novo modelo dinámico in vitro para a simulacióndo sistema dixestivo humano e a súa aplicación no ámbito das ciencias da saúde’ e o segundo Selene Cuello Rodríguez por ‘Deseño e elaboración de colirios mucoadhesivos combinando idebenona e hidroxocobalamina’. Houbo tamén un accésit para Lucía Agustina García Crivaro polo seu traballo ‘Papel de ADAM17 na neurogénesis adulta da zona subventricular e posibles interaccións co sistema dopaminérgico’.
Presidida polo delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Alberto Otero González, na entrega de premios participaron o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; o director da Escola de Doutoramento Internacional da USC, Pablo Taboada Antelo; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño Regueiro; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera Martínez.