Ir o contido principal

Os premios fin de carreira galardoan a 45 estudantes da USC

Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dunha clase na USC. FOTO: Santi Alvite
O grao en Medicina é o que acada un maior número de persoas premiadas no conxunto do SUG
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia acaba de recoñecer a excelencia académica de 103 universitarios/as cos premios fin de carreira. Así se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que rematou os seus estudos no ano 2022. En total, 45 dos e das estudantes premiadas pertencen á USC, mentres que 37 son da UVIgo e 21 pertencen á UDC. O 61% das persoas recoñecidas son mulleres.

Ademais, os mellores expedientes distribúense entre 60 titulacións nos diferentes campus. Deste xeito, por número de recoñecementos ocupa o primeiro chanzo a titulación en Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela, con catro persoas premiadas. Cada un dos 103 premiados recibirá unha achega económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.07.2023.