Os premios fin de carreira galardoan 52 estudantes da Universidade de Santiago

A Xunta de Galicia acaba de recoñecer a excelencia académica de 106 estudantes das universidades galegas cos premios fin de carreira. Así se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de adxudicación dos premios para o alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que rematou os seus estudos no ano 2023. En total, 52 estudantes pertencen á USC, mentres que 35 son da UVIgo e 19 pertencen á UDC. O 62% das persoas recoñecidas son mulleres.
Ademais, os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus. Na USC, por número de recoñecementos destacan 4 premios en Medicina e outros 4 no grao en Mestre/a de Educación Infantil. Cada unha das 103 persoas premiadas recibirá unha achega económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción.
Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.