I Premios de radiodramas en galego
Todo o alumnado da USC, o das titulacións de Comunicación Audiovisual das universidades da Coruña e Vigo e o estudantado das escolas de Imaxe e Son de Galicia pode participar desde xa na primeira edición dos Premios de radiodramas en galego que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC. As persoas interesadas dispoñen ata o día 15 de outubro para presentaren as súas propostas de radiodramas, que non poden superar os 10 minutos, con formato de guión radiofónico dramático escrito e de gravación en arquivo dixital (mp3 ou calquera dos habitualmente utilizados en radio). Os premios están dotados con dous galardóns de 500 e 400€, respectivamente, para os dous proxectos mellor valorados polo xurado. Os radiodramas Os radiodramas son dramas de ficción que se transmiten a través da radio; dependen logo dos diálogos, da música e dos efectos de son para axudar ás persoas escoitantes a imaxinaren a historia que se lles propón. As súas épocas de esplendor foron os anos 30, 40 e 50, e foron esmorecendo coa chegada da televisión. Na actualidade, malia a abundancia de medios de comunicación dispoñibles, está a vivir un certo renacemento, aínda que con historias ben diferentes aos que aínda se podían escoitar na radio nos anos 70.