Presentación dos actos da científica Frances Allen, Premio Turing, na súa visita á USC
A gañadora en 2006 do Premio Turing -considerado o Nobel no eido das Ciencias da Computación-, Frances Allen, participará esta semana en Santiago no programa ConCiencia, organizado pola USC en colaboración co Consorcio e a Fundación Caixa Galicia. Ela é a primeira muller que se incorpora á galería de personalidades que teñen pasado por Compostela ao abeiro deste programa de divulgación científica.
Allen reunirase na mañá deste mércores 29, ás 12:30 horas no Centro de Estudos Avanzados, con diversos investigadores da USC para continuar o seu programa o xoves 30 coa conferencia pública ‘Unha peregrinación polas altas sendas da computación’ que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia.
Os actos en Santiago de Frances Allen explicaranse este mércores, día 29, nunha rolda de prensa na que participarán a propia científica, o director do Programa ConCiencia e profesor da USC, Jorge Mira; e o director do Departamento de Electrónica e Computación da USC, Javier Díaz. O acto será ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de San Xerome.