Ir o contido principal

Presentación da agrupación estratéxica de investigación do campus de Lugo da USC BioRedes na Casa do Saber

A sesión, presidida polo reitor Antonio López e na que tamén intervirá a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar, comezará este martes ás 11.30 horas

O reitor da USC, Antonio López, presidirá este martes, a partir das 11.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a presentación da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC Xestión e Produción Sustentable de Biorrecursos (BioRedes), no marco dunha sesión na que tamén intervirá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Carmen Pomar Tojo.

A agrupación estratéxica de I+D+i ‘BioReDes’, unha das novas estruturas que vén de ser aprobadas pola Xunta de Galicia para optimizar as potencialidades do I+D+i e favorecer as sinerxías e colaboracións entre grupos de investigación das universidades galegas e doutras entidades, está constituída nesta fase inicial por 16 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento vinculados a la Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e á Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC.

BioRedes nace coa vocación de ser a unidade tractora da estratexia de I+D+i do Campus Terra da USC, a fin de avanzar así na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización. Esta agrupación estratéxica de I+D+i reúne na actualidade unha importante masa crítica formada por máis dun centenar de investigadores estables, ademais de persoas en etapa de formación y outras con contratos de apoio técnico con cargo a actividades de I+D+i.

O catedrático de Xenética da USC e director de BioRedes, Paulino Martínez Portela, tamén intervirá na presentación da agrupación estratéxica de I+D+i do campus de Lugo, un acto no que tamén intervirán a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez López, e a deputada delegada da área de Promoción Economía e Social da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2019.