Presentacion do curso 2016-2017 do IV Ciclo Universitario da USC na Facultade de Formación do Profesorado
O programa do IV Ciclo Universitario da USC para o curso 2016-2017 botará a andar este mércores, a partir das 17.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC, cunha sesión de presentación da oferta académica e dos prazos de matrícula para o novo exercizo académico.
O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; a directora do IV Ciclo Universitario da USC, Esther Olveira Olveira, e o coordinador deste prorgrama de formación de maiores na sede universitaria luguesa, Emilio Carral Vilariño, participarán neste acto de presentación do IV Ciclo da USC. A conservadora do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo e investigadora do Departamento de Historia da Arte da USC, Carolina Casal Chico, ofrecerá nesta sesión un relatorio baixo o título ‘A ara votiva de ‘Adai’ ou a promesa de Maxumus’.
O programa académico do IV Ciclo Universitario no campus de Lugo comezará a desenvolverse a comezos de outubro, aínda que o prazo de matrícula permanecerá aberto a partir do 12 de setembro. As persoas maiores de 55 anos interesadas en participar nas distintas actividades formativas programadas ao abeiro desta iniciativa poderán formalizar a súa inscrición na Unidade de Xestión Académica do campus ata o 23 de setembro, aínda que logo tamén disporán ata finais de mes dun segundo prazo hábil para cambiar horarios e modificar a súa matrícula. A oferta de materias incluídas no programa do IV Ciclo Universitario é moi ampla e abrangue unha temática diversa na que se inclúen materias relacionadas co territorio e a paisaxe, educación ambiental, historia da cidade de Lugo, literatura galega, biodiversidade e conservación, informática, alimentación saudable, zooloxía, historia, botánica forestal, fundamentos de psicoloxía, técnicas de microscopía, cultura e paisaxe, agricultura a pequena escala, análise do mundo rural, historia de Europa, fisioloxía e saúde, patrimonio cultural, historia da arte, xornalismo e socieddae, ópera, teatro e cine; estrutura política económica, astronomía, astrofísica, xeografía, intelixencia emocional, riscos naturais, ecoloxía e desenvolvemento sustentable, danza, francés, italiano ou participación social e voluntariado.