Presentación do curso de formación continua 'Historia da cultura e cata do viño'
O valor do viño como alimento é unha das perspectivas do curso de formación continua ‘Historia da cultura e cata do viño’ que se presenta en roda de prensa este martes na USC. Entre outras cuestións, no curso analizarase a restrición do consumo de viño na Lei do Alcol que recentemente viu interrompida a súa tramitación polo Ministerio de Saúde.
Na presentación, que terá lugar ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, participarán o subdirector xeral de Industria e Calidade Agroalimentaria, Ricardo Rivas, e o director do curso e profesor da USC, Xavier castro, autor do libro A la sombra ejemplar de los parrales merecedor do Premio Nacional de Gastronomía Álvaro Cunqueiro 2006.
O curso ‘Historia da cultura e cata do viño’, convalidable por un crédito de libre configuración, desenvolverase do 1 ao 31 de marzo e as clases serán impartidas polo catedrático Xavier Castro, especialista en historia do viño e a alimentación, e Vanessa Paz, enóloga e profesora de cata na vinoteca ‘Las añadas del siglo’, onde se impartirán as sesións prácticas.