Presentación dos dous primeiros volumes dunha colección que reunirá as obras de Calderón de la Barca
O Grupo Calderón de la Barca da USC, dirixido polo profesor Luis Iglesias Feijoo, coordina un proxecto que pretende editar todas as obras teatrais do autor español, con excepción dos autos sacramentais. Na actualidade non existe no mercado do libro ningunha colección das obras dun dos máis importantes dramaturgos do século XVII español. A colección forma parte da Biblioteca Castro que edita dende 1993 a Fundación José Antonio de Castro.
Os dous primeiros volumes do proxecto, as Partes I e III das Comedias, presentaranse este xoves, día 14, ás 11:15 horas no Salón Reitoral de San Xerome nun acto no que participarán o reitor da USC, Senén Barro Ameneiro; o director da Biblioteca Castro, Darío Villanueva Prieto; e os coordinadores dos volumes I e III, os profesores Luis Iglesias Feijoo e Don Cruickshank, este último da Universidade de Dublin, respectivamente.
O propósito da colección é publicar os tomos seguindo a pauta do que se fixo en vida do autor, respectando o contido das Partes de Comedias que se publicaron nos seus días. Deste xeito mantense a configuración de doce obras por cada volume, o que supón unha extensión superior ás 1.200 páxinas cada un.