Presentación da exposición do XV Maratón fotográfico do Campus de Lugo
Os traballos dos vintedous participantes que se presentaron á décimoquinta edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, organizado por Lugo Cultural, poderanse ver dende este xoves 26 na sala B do centro social Uxío Novoneyra de Lugo.
A inauguración da mostra e a presentación do catálogo deste maratón fotográfico terá lugar o xoves, ás 20:00 horas, a cargo de representantes das entidades que conforman o proxecto Lugo Cultural: o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o representante do Departamento Territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Xulio Xiz; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo; e o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez.
O Grupo de Danza do Campus de Lugo, dirixido por Juan Carlos Zahera, fará unha performance neste acto, ao que tamén asistirán o coordinador do Espazo Fotográfico da USC, Eduardo Ochoa, o fotógrafo Carlos Varcálcel e o piloto lugués Alonso Liste, que proximamente debutará na F2, e que foi convidado porque unha das temáticas do certame deste ano xira en torno ao automóbil. A outra temática dos traballos de fotografía dixital é ‘decumanus maximus cardo maximus foro’, mentres que as fotografías analóxicas reflicten temas libres.
Esta mostra poderase visitar no centro social Uxío Novoneyra ata o 22 de decembro, en horario de 16:00 a 21:00 horas, e despois iniciará un percorrido por diferentes centros universitarios lugueses. A nova edición do Maratón Fotográfico do campus está prevista para marzo de 2010.