Ir o contido principal

Presentación do informe executivo GEM Galicia sobre a actividade emprendedora na comunidade durante 2015

O informe executivo GEM Galicia 2015, que mide a actividade emprendedora na comunidade autónoma durante o pasado ano, presentarase este venres 2 de decembro na Sala de Debates Centro de Estudos Avanzados da USC (finca de Vista Alegre). Nunha sesión que comezará ás 10.00 horas, intervirán o reitor Juan Viaño; o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera Navarro; a presidenta da Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE), Carmen López; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

A directora técnica do equipo encargado da elaboración do informe GEM Galicia 2015, a profesora da Facultade de Ciencias Económicas Isabel Neira, será a responsable de presentar as principais conclusións do traballo. Galicia sumouse a esta iniciativa internacional en 2005. As 10 edicións consecutivas publicadas ata o momento son froito da colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o Instituto Galego de Promoción Económica dando continuidade a BIC Galicia (IGAPE) e a USC. Ademais, o pasado ano a Universidade de Santiago asumiu a dirección do equipo responsable da elaboración do informe e incorporouse a FEGAXE que substitúe á CEG.

GEM é un observatorio internacional cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico como factor determinante para o desenvolvemento e o benestar das sociedades. Na súa edición de 2015, GEM mediu a actividade emprendedora en 69 países, o que lle ten merecido o recoñecemento como o estudo lonxitudinal sobre emprendemento máis importante do mundo.

Con posterioridade a esta presentación celebrase unha mesa redonda sobre emprendemento innovador en Galicia que reunirá a representantes de IGAPE, CENTUM e Galchimia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.12.2016.