Presentación do libro Mi Bisabuelo, edición facsimilar do manuscrito autógrafo de Valle-Inclán
A directora da Cátedra Valle-Inclán, a profesora Margarita Santos Zas, presenta este venres, día 11, no Salón Reitoral de San Xerome o libro Mi Bisabuelo, edición facsimilar do manuscrito autógrafo de Valle-Inclán. O acto, que terá lugar ás 12:00 horas, estará presidido polo vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e contará ademais coa asistencia do autor da edición, Jorge Devoto del Valle-Inclán, e o vicerreitor de Relación Institucionais, Lourenzo Fernández.
A obra é a edición facsimilar do manuscrito autógrafo de Mi bisabuelo que Ramón del Valle-Inclán regalou a Jacques Chaumié, vicecónsul que foi de Francia en España nos anos inmediatamente anteriores á I Guerra Mundial, e grande amigo persoal, tradutor e crítico de Valle.
A circunstancia do manuscrito ata chegar ao neto do autor, Jorge Devoto del Valle-Inclán -prologuista e editor do texto- danlle pé para unha pormenorizada narración da visita e periplo francés de Valle-Inclán nos anos do primeiro conflito bélico europeo. Deste xeito, o breve conto Mi bisabuelo é un significativo testemuño da leal amizade que houbo entre Chaumié e Valle, e do sincero aprezo que este sentiu por Francia. A edición acompáñase da transcrición do texto facsimilado, relación de variantes e varias ilustracións a toda cor.