Ir o contido principal

Presentación do libro 'Crónicas inconformistas' de Isaac Díaz Pardo, VII Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo Literario e de Opinión

O mércores, día 21, ás 12:00 horas no Colexio de San Xerome

O libro ‘Crónicas inconformistas’ de Isaac Díaz Pardo, VII Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo Literario e de Opinión, presentarase en roda de prensa este mércores, día 21, ás 12:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome.
No acto participarán, ademais do propio autor, o reitor da USC, Senén Barro; a alcaldesa de Cuntis, Fatima Monteagudo; o profesor e autor do prólogo do libro, Xesús Alonso Montero; o vicerreitor de Cutlura da USC, Elias J. Torres Feijó; o coordinador da colección, Victor Fernández Freixanes; e o director Académico do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Antonio Azaustre Galiana.
O xurado da sétima edición do Premio, que convocan conxuntamente o Concello de Cuntis e a Universidade de Santiago, outorgóullelo a finais de 2005 a Díaz Pardo polos artigos publicados os luns nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia baixo o título ‘Crónicas inconformistas’. Na acta do fallo louvaron a traxectoria do autor na práctica e na defensa da cultura galega “promovendo un discurso coherente, áxil e apaixonado que combina os valores da tradición coa decidida aposta pola modernidade”. Do mesmo xeito, subraiouse a “independencia total” e a “absoluta liberdade de criterio” que define os artigos do premiado que é, ademais, “expresión da sociedade civil que participa activamente no discurso colectivo de Galicia, nunca desde unha perspectiva localista, senón universal”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2007.