Presentación do libro 'O Darwinismo e Galicia', primeiro editado pola USC dentro dos actos do Ano Darwin 2009
‘O Darwinismo e Galicia’ é a primeira publicación que a USC edita dentro dos actos conmemorativos do Ano Darwin 2009. Nunha edición a cargo do catedrático Francisco Díaz-Fierros, esta obra recolle as achegas dunha ducia de especialistas de diferentes áreas para, tal e como sinala o profesor Díaz-Fierros, “contribuír a profundar no coñecemento que a obra de Darwin e os seus defensores tivo na historia do pensamento galego”.
O libro presentarase este martes 24 na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca a partir das 11:30 horas nun acto no que intervirán a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo e o coordinador da edición, acompañados dos coordinadores do programa de actividades conmemorativas do Ano Darwin, Manuel Bermejo e Jaime Gómez Márquez.
A publicación desta edición enche un importante baleiro, xa que “ata agora non se tiña emprendido un estudo de conxunto, da man de diferentes especialistas nos diversos eidos da cultura sobre os que tiña influído o poderoso alento das teorías evolucionistas”, apunta Díaz-Fierros na introdución da obra.