Ir o contido principal

A presentación do máster en Enxeñería Agronómica pecha este mércores os actos do Día da Terra na EPS

O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, presentará este mércores, a partir das 12.30 horas, na sala de xuntas deste centro universitario o novo máster en Enxeñaría Agronómica, un novo título que vén substituír á Enxeñaría Agronómica como consecuencia da adaptación de dita titulación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

A presentación pública do máster en Enxeñaría Agronómica, que comezará a impartirse o vindeiro curso na Escola Politécnica de Lugo, coincide no tempo coa celebración do vixésimo quinto aniversario da implantación destes estudos no campus lugués, no que se empezaron a ofertar os estudos superiores de Agrónomos no curso 1987-1988. Este acto institucional servirá asemade para pechar as distintas accións organizadas na Escola Politécnica de Lugo para conmemorar a celebración do Día da Terra e que nesta ocasión xiraron arredor do lema ‘Unha terra que alimentar’. A temática elexida nesta ocasión fai fincapé no crecente interese futuro dalgunhas das titulacións que conforman a oferta académica da EPS, tales como son os graos en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias, ou o novo máster en Enxeñaría Agronómica. Estes programas formativos están altamente relacionados coa produción e/ou procesado de alimentos, polo que cómpre pensar que van desenvolver un cometido importante nos próximos anos ante o previsible incremento da poboación mundial e o conseguinte aumento das necesidades de subministro de alimentos, segundo sinalou o propio Javier Bueno. O novo máster en Enxeñaría Agronómica, que o vindeiro curso pasará a integrarse na oferta académica da Escola Politécnica Superior de Lugo, está estruturado en 100 créditos ECTS e permite ao alumnado do máster optar por tres vías diferentes de especialización: Vitivinicultura, Agroenxeñaría e Enxeñaría e produción de leite. Os coordinadores destas especialidades, Adolfo López Fabal, Ramón Velo Sabín e Carlos Álvarez López, respectivamente, tamén intervirán no acto de presentación do máster.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2013.