Presentación de 'Miradas Emerxentes. Novos Fotógrafos Galegos', nova mostra na Igrexa da Universidade
A obra de cinco fotógrafos galegos que se presentaron ao Festival de Fotografía Olladas’08 exporase a partir deste xoves, 3 de xullo, na Igrexa da Universidade. Comisariada por Xurxo Lobato, na exposición participan Maribel Castro, Xosé Durán, Antía Moure, Alberte Peiteavel e Manuel Valcárcel.
‘Miradas Emerxentes. Novos Fotógrafos Galegos’, producida pola Deputación da Coruña, presentarase aos medios de comunicación este xoves ás 13:00 horas na propia Igrexa nun acto ao que asisten o vicerreitor de Cultura, Elias J. Torres Feijó; o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; así como o comisario da mostra e os fotógrafos que participan nela.
Un dos obxectivos e sinais de identidade do Festival de Fotografía Olladas’08 é apostar polos novos talentos que consideran a fotografía como o seu xeito de expresión, de comunicación. Así, os cinco fotógrafos seleccionados, responden a cinco visións diferentes do mundo e que definen tendencias diversas e que sitúan á fotografía galega coas de máis pulso no panorama europeo.
Xa pola tarde, ás 20:00 horas, terá lugar a apertura da mostra ao público e un concerto a cargo do Cuarteto Ephimere, que ten realizado unha intensa labor de divulgación musical dende a súa creación, hai xa sete anos, por catro profesores do Conservatorio de Música de Vigo, todos eles cunha notable bagaxe previa na música de cámara.