Presentación da mostra ‘Hoxe comezamos a falar’ do artista portugués André Guedes
O artista portugués André Guedes retorna a Santiago anos despois da súa provocadora intervención urbana que trasladou ao Obradoiro o monumento homenaxe a Montero Ríos que descansa en Mazarelos. Guedes volve agora forzar á reflexión no Colexio de Fonseca, nesta ocasión sobre a necesidade de que o individuo participe nos procesos e prácticas de construción colectiva, mantendo o seu lugar e a súa consciencia como suxeito. A exposición, cun bloque estático e outro performativo, forma parte do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC que dirixen Marisa Sobrino e Federico López-Silvestre, de maneira que son os seus estudantes os que a comisarían. Hoxe comezamos a falar -unha frase aberta extraída das recentes protestas de marzo na Praza dos Aliados do Porto- preséntase en rolda de prensa este mércores 19 ás 11.00 horas. Participan o propio artista; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Paco Durán; e o portavoz dos comisarios, o estudante Manuel González. Todos eles asistirán tamén á inauguración oficial que terá lugar ás 20.00 horas.