Presentación do Programa de Acompañamento de Estudantes da USC
A Universidade de Santiago porá en marcha o vindeiro curso un programa polo cal estudantes voluntarios ensinarán a cultura e lingua galegas aos alumnos foráneos que o soliciten, ademais de orientalos dentro da propia Universidade.
O Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE) da USC presentarase este mércores, día 13, ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca, nunha rolda de prensa na que participarán o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón.
A iniciativa organízase en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e de Solidariedade e a Mesa pola Normalización Lingüística, dentro do seu Voluntariado de Activación Lingüística. O programa prevé diversas actividades en grupo, como a semana de recepción de estudantes foráneos, excursións ou sesións de cinema e teatro.