A presentación na USC da 'Estrategia Universidad 2015' inicia unha serie de visitas do Ministerio de Ciencia ás universidades españolas

A de Santiago foi a universidade onde o Ministerio de Ciencias e Innovación iniciou este xoves 23 a rolda de visitas a institucións universitarias de toda España para presentar a iniciativa ‘Estrategia Universidad 2015’. Trátase de informar aos consellos de goberno universitarios e recoller as achegas dos distintos colectivos sobre as principais liñas de actuación que o Goberno español está a deseñar para a modernización da educación superior nos vindeiros anos.
Cristina Garmendia, iniciou este xoves 23 na Universidade de Santiago a rolda de visitas a institucións universitarias de toda España para presentar a iniciativa ‘Estrategia Universidad 2015’. Trátase de informar aos consellos de goberno universitarios e recoller as achegas dos distintos colectivos sobre os principais retos aos que se enfronta a educación superior nos vindeiros anos.
Na presentación, celebrada na Casa de Europa da USC, interviñeron a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, o reitor Senén Barro, e o secretario de Estado de Universidades, Màrius Rubiralta, para dar paso seguidamente a un debate con todos os asistentes.
Estrategia Universidad 2015‘Estrategia Universidad 2015’ é unha iniciativa do Goberno español encamiñada á modernización das universidades a través da promoción da excelencia docente e científica, a internacionalización do sistema universitario e a súa implicación no cambio económico baseado no coñecemento e na mellora da innovación. A estratexia, tomando como punto de partida a adaptación da Universidade española ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), ten como horizonte o ano 2015.
Co seu desenvolvemento, preténdese lograr un sistema universitario mellor financiado, incrementar a competencia das universidades no contorno global, mellorar a proxección internacional e a mobilidade de estudantes, profesores e profesionais da xestión e reforzar o carácter de servizo público da educación superior universitaria. Ademais, a estratexia procura incrementar o valor social e económico do coñecemento que se xera na Universidade e lograr un maior compromiso desta cos retos sociais, culturais e medioambientais da sociedade actual.
Segundo o Ministerio de Ciencia, a estratexia debe operar como un entorno aberto de reflexión sobre o deseño dalgúns temas pendentes de gran calado que non foron abordados no proceso de modificación da Lei Orgánica de Universidades.