A presentación dun volume homenaxe no Paraninfo da Universidade lembrará a figura de Jesús García Calvo
O Paraninfo da Universidade será testemuña este venres 4 da presentación dun libro homenaxe a Jesús García Calvo, quen fora presidente de honra e fundador da Sociedade Cooperativa Galega Feiraco e o segundo presidente do Consello Social da USC entre 1997 e 2003. A homenaxe comezará ás 18.30 horas e contará coa presenza do reitor Juan Casares; do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente e o director xeral de Feiraco, José L. Antuña e José S. Montes Pérez, respectivamente; e a filla do homenaxeado, Charo García López. Tamén está prevista a intervención do director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia, Melchor Fernández; e do prologuista do volume, Amancio Liñares Giraut. O volume que se presenta recolle boa parte do pensamento de García Calvo e “fai memoria perpetua dun home dos ‘bos e xenerosos’ que sentiron e enxalzaron os valores da nosa terra”. As preto de 400 páxinas a través das que se estende, aluden ao pensamento do homenaxeado, a súa implicación e iniciativas no desenvolvemento comarcal e ás celebracións e recoñecementos dos que foi merecedor. No capítulo de testemuñas asinan achegas individuais expertos universitarios como Lourenzo Fernández, Carlos Ferrás, Manuel Jordán, Edelmiro López ou Darío Villanueva, entre outros.