Ir o contido principal

Presentación das xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ e do I Certame de Comedia Curta en Galego ‘Somos a curta’

As xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ e o I Certame de Comedia Curta en Galego ‘Somos a curta’ presentaranse publicamente este mércores 5 na Facultade de Ciencias da Comunicación. Trátase de dúas iniciativas organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística deste centro co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e a proposta de integrantes da Liga Estudantil Galego. Na presentación, aberta ao público interesado, participarán a presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, Marta Pérez Pereiro; representantes da Liga Estudantil Galega, e Isabel Vaquero, en representación do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Celebrarase a partir das 12.00 horas na Aula 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación. No transcurso desta presentación proxectarase o ‘Videomatón da lingua’, unha peza audiovisual breve realizada polo alumnado do centro no que distintos membros da comunidade universitaria falan da súa relación coa lingua. É unha proposta “a modo de retrato e en base a opinións que dan conta de como a comunidade universitaria usa o galego”, apuntan os seus promotores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2011.