Ir o contido principal

Presentadas máis dun centenar de comunicacións científicas ao XVII Congreso Internacional de Síntese Orgánica

O catedrático da USC Julio A. Seijas Vázquez coordina esta conferencia electrónica desde a súa quinta edición
O catedrático da USC Julio A. Seijas Vázquez coordina esta conferencia electrónica desde a súa quinta edición
Os profesores do campus de Lugo Julio Seijas e Pilar Vázquez Tato coordinan esta conferencia electrónica, que se desenvolve na web ao longo do mes de novembro

Máis dun centenar de investigadores de todo o mundo participan ao longo do mes de novembro na décimo sétima edición do Congreso Internacional de Síntese Orgánica, un foro electrónico de intercambio de estudos, investigacións e coñecemento arredor da Química orgánica que se desenvolve no entorno virtual.

O catedrático do Departamento de Química Orgánica da USC, Julio A. Seijas Vázquez, e a tamén profesora na Facultade de Ciencias do campus de Lugo, Pilar Vázquez Tato, que coordinan e dirixen esta conferencia electrónica desde a súa quinta edición, salientaron a alta participación neste congreso virtual e, sobre todo, a súa continuidade no tempo. De feito, Seijas Vázquez apuntou que o de síntese orgánica é un dos poucos, por non dicir o único congreso científico exclusivamente virtual que segue a celebrarse. As comunicacións rexistradas nesta edición do congreso, do mesmo xeito que nas edicións anteriores, abranguen a práctica totalidade dos eidos da química orgánica, desde polímeros, química farmacéutica, química computacional, iones líquidos, química supramolecular... Todos os traballos admitidos para a súa posta en común superaron previamente os controis de calidade esixidos para a súa presentación neste congreso internacional, apuntou Vázquez Seijas. Respecto da procedencia dos autores das comunicacións presentadas, Seijas Vázquez explicou que hai traballos feitos por profesores e investigadores da Universidade de Santiago e tamén doutras universidades españolas. Sen embargo, precisou, non son os máis numerosos. O catedrático da USC e coordinador do congreso internacional de síntese orgánica sinalou que se ben a participación neste foro permanece máis ou menos estable nos últimos anos, nesta edición rexístranse comunicacións asinadas por investigadores de Estados Unidos, Rusia, Irán, India, Xapón, Vietnam, Chequia, Italia, Portugal, Arxentina, Emiratos Árabes, Chile, Austria e ata de Illa Mauricio, entre outras procedencias. Co gallo da apertura das sesións de presentación e debate das comunicacións presentadas ao XVII Congreso Electrónico Internacional de Síntese Orgánica, Vázquez Seijas, manifestou o seu agradecemento pola colaboración recibida da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, así como das demais entidades e empresas que fan posible ano tras ano a celebración dun foro científico que tamén contribúe a proxectar a imaxe internacional do campus de Lugo e da Universidade de Santiago, ao tempo que posibilita non poucas oportunidades para establecer novos contactos entre o propio persoal investigador.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2013.