Ir o contido principal

Presentadas as xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ e o I Certame de Comedia Curta en Galego ‘Somos a curta’

Fotomontaxe con distintos momentos do videomatón proxectado
Fotomontaxe con distintos momentos do videomatón proxectado
Son dúas iniciativas organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación a proposta de integrantes da Liga Estudantil Galega

As xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ e o I Certame de Comedia Curta en Galego ‘Somos a curta’ son dúas actividades coas que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación tentará reflexionar sobre o futuro do xornalismo e contribuír ao mesmo tempo á normalización da lingua galega dende o contexto audiovisual. Ambas as dúas accións contan co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e xorden a proposta de integrantes da Liga Estudantil Galego. Nunha sesión celebrada este mércores no propio centro compostelán, presentaron as particularidades de ambas iniciativas a presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, Marta Pérez Pereiro; e representantes da Liga Estudantil Galega. Ademais, no transcurso da sesión proxectouse o ‘Videomatón da lingua’, unha peza audiovisual breve realizada polo alumnado do centro no que distintos membros da comunidade universitaria falan da súa relación coa lingua. É unha proposta “a modo de retrato e en base a opinións que dan conta de como a comunidade universitaria usa o galego”, apuntan os seus promotores. ‘Os medios en galego, importan?’ Entre os días 8 e 10 de novembro, as xornadas ‘Os medios en galego, importan?’ tratarán de poñer a énfase na importancia de contar con medios de comunicación propios elaborados en lingua galega “para a saúde da identidade e da cultura galegas”, apuntaron os seus promotores. Nestas xornadas, representantes dos medios de comunicación, profesionais e investigadores analizarán e reflexionarán sobre as pexas e as posibilidades da existencia de medios de comunicación en lingua galega. Os seus promotores sinalan como unha das súas metas “buscar unha reflexión conxunta da situación que viven medios en galego”, tanto á hora do seu consumo como da súa produción, “abordando diferentes tipos de medios”. O programa propiciará un debate sobre a viabilidade comercial da prensa en galego, achegará novos modelos de prensa en galego e mesmo avaliará a situación da industria audiovisual en Galicia, mediante a revisión dos modelos de éxito na televisión en galego e o achegamento ás posibilidades da radio e do cinema neste lingua. Está solicitado un crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC por participar nas xornadas. O prazo de matrícula abre o 10 de outubro e remata o 2 de novembro. As persoas que participen nesta actividade, que é totalmente gratuíta, recibirán un diploma de asistencia, que se entregará tras a recepción dun pequeno traballo que aborde as cuestións tratadas durante as xornadas. Para máis información http://www.usc.es/snl/dinamiza/mediosengalego.htm. Somos a curta! De xeito paralelo, xa está aberto o prazo para presentarse ao I Certame de Comedia Curta en Galego ‘Somos a Curta!’, cun primeiro premio á mellor peza audiovisual de 600 euros. Poderá participar calquera alumno ou grupo de alumnos das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de Educación Secundaria de Galicia. O prazo para presentar as propostas remata o día 25 de novembro. As obras presentadas exhibiranse ao público nunha gala que se celebrará na Facultade de Ciencias da Comunicación o 14 de decembro. Un xurado decidirá e outorgará o premio do certame, dotado con 600 euros e diploma honorífico. As bases do certame e a folla de inscrición poden descargarse na seguinte dirección webhttp://www.usc.es/snl/dinamiza/somosacurta.htm

Como se puxo de manifesto na presentación, co certame se busca normalizar o idioma pero “a través da comedia, aproveitando o carácter universal do humor”. Na avaliación das propostas presentadas a concurso, preténdese premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos do estudantado galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2011.