Presentado o catálogo da XIV Exposición da Maratón Fotográfica do Campus de Lugo

‘Lugo Cultural’ presentou este venres 19 o catálogo da exposición da XIV Maratón Fotográfica do Campus. O acto no Centro Municipal Sociocultural Uxío Novoneyra, no que tamén se inaugurou a mostra coas imaxes dos vinte participantes, contou coa participación do Grupo de Espazo de Danza da USC que realizou unha espectacular perfomance.A maratón vense celebrando anualmente polo mes de maio, deseñada como unha actividade aberta a calquera membro da comunidade universitaria, aínda que na presente edición e por vez primeira a convocatoria dirixiuse tamén a toda a cidadanía en xeral, sempre que foran maiores de 18 anos. Trátase dunha das actividades máis consolidadas do Convenio Lugo Cultural, no que colaboran ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e a Fundación Caixa Galicia.
Na realización das fotografías para o concurso, que xa figuran expostas no centro social, os afeccionados puideron participar tanto con cámara dixital como analóxica e establecéronse varios galardóns, entre os que está o Premio Carlos Valcárcel para a mellor fotografía feita por universitarios ou participantes no espazo fotográfico do Campus, que este ano recaeu en Alberto López Rodríguez.
Entre as fotografías que se poden contemplar atópanse as premiadas nas diferentes categorías temáticas seleccionadas para a edición deste ano, ‘Nubes, ‘Tellados’, mellor carrete, mellor fotografía de categoría libre, e unha mención honorífica dotada cun trofeo outorgada este ano a Héctor Castiñeira López.
Así, Dimas García levou o premio ‘Nubes’ pola fotografía ‘Dende enriba sabe mellor’. Na temática de ‘Tellados’ poderase ver na exposición a obra ‘Bágoas estragadas polo alcol’, de Luisa Fernández, quen tamén se fixera co premio á mellor película de nivel medio máis alto.
Ao evento asistiron a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro; o delegado provincial da Consellería de Cultura e Deporte, Xoán Xosé Molina; o xerente da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; a concelleira de Servizos Sociais do Concello, Luisa Zarzuela. E tamén estiveron presentes Eduardo Rodríguez Ochoa, coordinador do Espazo Fotográfico da USC, e o fotógrafo Carlos Valcárcel.