Ir o contido principal

Presentado no Claustro o Informe Anual 2018

Imaxe de arquivo dunha xuntanza do Claustro
Imaxe de arquivo dunha xuntanza do Claustro
Tamén se aprobou a eliminación do requisito de acreditación do coñecemento dunha lingua estranxeira para a obtención do título de grao

A presentación do Informe Anual 2018 abriu este venres a sesión do claustro universitario celebrado na Facultade de Dereito. O documento presenta a actividade desenvolvida na institución compostelá ao longo do pasado ano organizada en oito epígrafes temáticos nos que se aborda a gobernanza; a comunidade universitaria; titulacións; investigación e innovación; cultura, deporte e servizos; internacionalización; calidade e tecnoloxías da información e comunicación; e Campus de Lugo.

Durante a presentación do documento, no capítulo de titulacións o reitor considera “ imprescindible que a USC se dote un plan de actuación a medio e longo prazo” neste ámbito. “Trátase de saber cara onde queremos ir nos próximos dez anos” xustificou Antonio López, para o que avanzou a activación inmediata da comisión correspondente do Claustro que iniciará a elaboración do citado plan.

O reitor Antonio López aludiu tamén, no apartado de infraestruturas, á próxima xuntanza que se celebrará coa administración autonómica para valorar a situación actual respecto da construción do complexo arquitectónico para Ciencias da Saúde. En lugar do mencionado complexo, a alternativa que valora a USC neste senso permitiría mellorar a situación actual das infraestruturas de Ciencias da Educación, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Xeografía e Historia. A proposta que se presentará á Xunta de Galicia contempla unha redución de 20.000 metros cadrados cun aforro anual de arredor dun millóns de euros en gastos correntes.

Despois de varios anos sen que se presentase este Informe Anual, “comprometémonos diante do Claustro Universitario non só a realizar esta presentación, como un exercicio necesario de rendición de contas diante do máximo órgano de representación da comunidade universitaria, senón tamén a súa discusión nun debate de carácter xeral, nunha sesión convocada ao efecto ao longo da primavera”. Como testemuña o reitor Antonio López no limiar do documento, o obxectivo é que a presentación deste informe permita desenvolver no Claustro “un debate sobre cuestións de indubidable interese para a Universidade, cun formato máis libre, non ligado directamente á presentación de emendas”.

O reitor tamén destacou dous aspectos que singularizan o informe correspondente a 2018: por unha banda as eleccións á Reitoría co resultado dun cambio de goberno, “polo que o efecto da rendición de contas iría repartido entre dous gobernos diferentes”. Por outro lado, a tramitación para a súa aprobación da programación plurianual, “que consideramos que debe ser o marco no que se encadren estes informes”. Antes estas consideracións, para o de 2018 optouse por un informe “ substancialmente descritivo, que recolle as actividades desenvolvidas e que permite coñecer a realidade da USC neste exercicio e servir de soporte ao debate previsto nos Estatutos”, aclarou o reitor. López adiantou que para futuros exercicios o documento orientarase como un informe de xestión, directamente relacionado e enmarcado nos obxectivos da programación plurianual.

Acreditación de idioma estranxeiro
O Claustro tamén aprobou a modificación das Liñas xerais da USC para a elaboración das novas titulacións oficiais reguladas polo RD 1393/2007 acordando así a supresión do requisito de acreditación do coñecemento dunha lingua estranxeira para a obtención do título de grao. A medida busca “transitar cara un modelo no que o coñecemento dunha lingua estranxeira se poda recoñecer no expediente do alumnado como unha competencia transversal, acreditable tamén no Suplemento Europeo ao Título, deixando así de ser un impedimento para a expedición do título cando o/a alumno/a superou todos os contidos propios do plan de estudos”.

A medida debe entenderse “sen prexuízo de que, xustificadamente, plans de estudos poidan fixar como requisito de acceso un determinado nivel de coñecemento dalgunha lingua estranxeira ou mesmo, excepcionalmente, incorporar formación en idiomas”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2019.