Ir o contido principal

Presentado ao Consello de Goberno o balance do actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego

Presentado ao Consello de Goberno o balance do actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego
Presentado ao Consello de Goberno o balance do actual Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego

Co Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego vixente para o período 2011-2015, a Universidade de Santiago perdeu unha porcentaxe significativa dos recursos ordinarios que percibía con respecto ao plan anterior. Concretamente de cada 100 euros destinados ás Universidades galegas, a USC pasou de recibir 43,78 (2010) a ter asignados 42,33 en 2014, unha diminución do 1,45%. As cifras corresponden ao informe sobre a evolución do financiamento da USC no marco do actual Plan de Financiamento do SUG presentado este luns no Consello de Goberno. Aínda que o financiamento incondicionado –subvención destinada a gasto corrente- destinado ás universidades galegas tendeu a sufragar a totalidade dos gastos de persoal do Sistema Universitario Galego, a USC acumula dende o inicio do actual Plan de Financiamento en 2011 unha cobertura deficitaria dos seus custes de persoal. Así, os recursos económicos destinados ao persoal do SUG no exercicio 2011 cubrían o 102,18% deste capítulo e o 100,65% en 2013. No caso particular da USC, esta subvención permitiu cubrir o 96,54% destes gastos en 2011, o 93,81% en 2013 e o 97,47 en 2014, de xeito simultáneo a un proceso de recorte do número de efectivos do cadro de persoal. Ademais, nestes mesmos períodos, mentres que no conxunto do SUG o gasto de persoal no ano 2013 se reduciu nun 5,1% con respecto ao ano 2011, na USC a redución foi un punto superior, do 6,1%, que aínda se incrementa máis no ano seguinte ao situarse no 7,7% en 2014. Deste xeito, no total do SUG reduciuse o gasto en persoal, nunha tendencia aínda máis acentuada no caso específico da Universidade compostelá. Como tamén se expuxo na presentación do documento ao Consello de Goberno, a maiores das subvencións transferidas dende a administración, as universidades galegas captaron en conceptos de prezos das titulacións, xunto con outros ingresos correntes, un total de 73,6 millóns de euros, dos que preto de 40 millóns de euros foron captados pola USC, o 53,39%. Do total, a USC achega ao Sistema Universitario Galego 42,1 euros de cada cen colectados por prezos de titulacións e 81,06 euros de cada cen dos procedentes doutros ingresos correntes. En 2014 mantense unha proporción similar, xa que a USC achegou ás cifras globais do SUG 21 millóns de euros por prezos de titulacións e 16,3 por outros ingresos correntes. Límite de prazas Na mesma xuntanza, o Consello de Goberno aprobou na súa sesión deste luns o límite de prazas para os títulos de grao da USC no curso 2015-2016, que só sufrirán variacións con respecto ao presente ano académico en seis títulos, catro en Santiago e dous en Lugo. Deste xeito, aumentan a 50 as prazas do grao en Filoloxía Clásica e diminúen no grao en Mestre en Educación Infantil (pasan a 133), Xeografía e Ordenación do territorio (55) e Traballo Social (80). En Lugo, o grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais deixa o límite en 50 prazas, mentres que modalidade semipresencial do de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural aumenta a 25. Outros asuntos A orde do día desta xuntanza incluía ademais no relativo a PDI a convocatoria de sete prazas de profesor axudante doutor para estabilizar os investigadores Isidro Parga Pondal de 2009 e dúas para os Ramón y Cajal dos anos 2008 e 2009. Aprobouse tamén a Normativa de Planificación Académica Anual para o curso 2015/2016 que permitirá formular a oferta académica das titulacións oficiais ao establecer criterios comúns para aplicar nos procedementos que a configuran.

Este órgano de Goberno elixiu ademais os membros das comisións delegadas do Consello de Goberno e dos representantes do Consello de Goberno no Consello Social e da USC no Consello de Estudantes Universitario do Estado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2015.