Ir o contido principal

Presentados en Compostela os investigadores que liderarán os proxectos integrados no Programa Diana Fundación Barrié-USC

A Fundación Pedro Barrié de la Maza presentou este xoves en Compostela ao equipo de dez investigadores que baixo a coordinación do catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo, director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, liderarán os dez proxectos de investigación farmacoxenética que desenvolve o Programa Diana Fundación Barrié-USC.
O programa, financiado integramente pola Fundación Pedro Barrié de la Maza cun total de 1.300.000 euros, ten como obxectivo desenvolver a “medicina á carta”, é dicir, avanzar na predición de resposta de cada paciente aos fármacos e personalizar ao máximo os tratamentos para así mellorar a súa eficacia e reducir o seu custe social.
Con este programa pioneiro, a Fundación Pedro Barrié de la Maza impulsa o proxecto de farmacoxenética máis ambicioso dos desenvolvidos ata a data en Europa e que contribuirá a converter a un equipo de investigadores galegos no referente europeo en investigación farmacoxenética. Os investigadores da USC traballarán xunto con máis de 100 investigadores, entre coordinadores, colaboradores, técnicos e bolseiros da Fundación Pedro Barrié de la Maza, así como con 80 médicos implicados na recollida de datos clínicos nos hospitais públicos galegos.
Os dez investigadoresOs dez investigadores principais da USC que se incorporan ao programa son Clara Ruiz Ponte, ao proxecto de quimioterapia de cancro colorrectal; Ana Vega Gliemmo, ao proxecto de quimioterapia de cancro de mama; Anxo Vidal Figueroa e Fernando Domínguez, tratamento de cancro de tiroides; Javier Costas e Mª Isabel Loza, Proxecto de antipsicóticos en esquizofrenia; Mª Jesús Sobrido Gómez, tratamento de migraña; María Brión Martínez, Proxecto de tratamento antiplaquetario; Lorenzo Montserrat, tratamento de hipertensión arterial; e Francisco Barros, coordinador dos tres proxectos de ensaio clínico.
Bolsas do ProgramaNo mesmo acto de presentación, o vicepresidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza, José María Arias, presentou o fallo da primeira convocatoria de bolsas do Programa Diana Fundación Barrié-USC, con tres axudas e tres contratos en residencia dun ano de duración e unha bolsa de mobilidade para que unha investigadora do programa realice unha estadía na Universidade de Chicago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2008.