Presentados cinco novos libros de persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias da Educación
A Comisión Cultural da Facultade de Ciencias da Educación presentou este mércores 23 un total de cinco publicacións que amosan parte do traballo que no derradeiro ano teñen realizado o profesorado e o persoal de investigación deste centro. As cinco obras presentadas son Estudios de Pedagogía intercultural, Investigaciones actuales de las mujeres y del género, Teresa Alvajar Lópeza. Memorias dunha republicana, Conoce y valora el cambio climático. Propuestas para trabajar en grupo e o monográfico titulado Lengua y Lingüística en Educación. Na presentación celebrada en Ciencias da Educación participaron o decano do centro, Lois Ferradás e unha representación dos profesores responsables dos traballos, entre eles, Miguel Á. Santos Rego, Mar Lorenzo; Rita Radl, Aurora Marco, Pablo Á. Meira, Carlos Rosales, Inmaculada Mas e Luz Zas. Estudios de Pedagogía intercultural Miguel A. Santos Rego e Mar Lorenzo asinan este libro que reúne seis estudos cuxa confluencia incide na posibilidade dunha pedagoxía intercultural capaz de dar resposta ás preguntas e inquedanzas dos educadores “nun tempo de crecente vulnerabilidade e risco global”, sinalan os seus autores. Neste libro atópanse cuestións prácticas relativas á articulación de novos proxectos socioeducativos dende os centros escolares ou dende a mesma sociedade civil no seu conxunto. Investigaciones actuales de las mujeres y del género É a primeira publicación do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC (CIFEX), centro de investigación das mulleres e do xénero único no contexto galego tras a súa creación en 2006. O volume reúne unha serie de contribucións científicas de diversas autoras e autores do contexto nacional e internacional. A obra estruturase de modo global en catro partes, que comezan abordando temas de Teoría e Epistemoloxía e continúa coa Participación Laboral e con cuestións de Xénero e a problemática da Violencia e Xénero. Para rematar ofrécense achegas referentes a procesos de socialización diversos e xénero. Teresa Alvajar Lópeza. Memorias dunha republicana Como sinala a súa autora Aurora marco, a obra é un relato con dous eixos ben definidos: a historia de todos e cada un dos membros dunha familia republicana da burguesía coruñesa (os Alvajar- López) e, sobre todo, a biografía persoal de Mª Teresa, unha loitadora que tivo que superar moitos atrancos para defender a súa liberdade, para sobrevivir, nunha etapa en que as mulleres apenas tiñan dereitos. Conoce y valora el cambio climático Esta publicación colectiva, coordinada por Pablo Á. Meira, nace coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento de actividades de educación ambiental centradas nas dimensións que menos se asocian co cambio climático: a alimentación, os consumos domésticos, a mobilidade, o desenvolvemento humano, as responsabilidades nas causas ou a vulnerabilidade das poboacións, entre outros asuntos. As actividades están enfocadas dende a análise crítica da realidade, a reflexión, o debate colectivo e a adquisición de competencias para recrear unha vida “baixa en carbono”. No ano 2012 esta mesma obra publicouse en portugués coa colaboración da ASPEA (Associação Portuguesa de Educação Ambiental) e a Agência Portuguesa do Ambiente. Lengua y Lingüística en Educación
Este é un monográfico das profesoras Inmaculada Mas e Luz Zas sobre Lingua e Lingüística en Educación que agrupa distintos enfoques sobre a importancia da formación en lingua e lingüística, en concreto na diversidade lingüística e cultural, na formación inicial do profesorado (de ensino Primario e Secundario). Inclúe así mesmo unha achega sobre o emprego do portafolios como instrumento de aprendizaxe e avaliación na docencia de linguas na universidade.