Presentan en Farmacia os resultados do proxecto ValICET de valorización de residuos agroindustriais para a súa aplicación na industria alimentaria
Enmarcado no proxecto de investigación ValICET do programa PRIMA que coordina o grupo da USC FoodChemPack, a Facultade de Farmacia acolle este mércores una xornada aberta na que os socios internacionais do consorcio están a expor os resultados obtidos no proxecto ata o momento, todos eles relacionados coa valorización de residuos agroindustriais para a obtención de compostos de elevado valor engadido para a súa aplicación na industria alimentaria.
Esta xornada sobre a valorización do desperdicio alimentario no marco do Proxecto ValICET inaugurárona a decana da Facultade anfitrioa, Mª De Los Reyes Laguna Francia, e a coordinadora do grupo de investigación FoodChemPack da USC, Raquel Sendón García.
O encontro continuou coa presentación do proxecto ValICET a cargo da súa coordinadora, a profesora da USC Letricia Barbosa Pereira, e co desenvolvemento de sesións de traballo sobre a valorización de residuos alimentarios, as tecnoloxías innovadoras sobre a recuperación de compostos bioactivos e a aplicación de compostos de alto valor a partir de residuos alimentarios.
ValICET
Un dos obxectivos do proxecto ValICET -acrónimo de ‘Valorizar os alimentos e mellorar a competitividade mediante tecnoloxías emerxentes aplicadas aos subprodutos alimentarios no marco da economía circular’- é o desenvolvemento dunha solución TIC para conectar produtores, industria, investigadores e consumidores. Ademais, investiga solucións de procesamento innovadoras e sostibles capaces de converter os residuos agroalimentarios en compostos naturais sostibles de alto valor engadido para o desenvolvemento de novos aditivos alimentarios, alimentos funcionais ou envases de alimentos activos.
ValICET inclúe industrias alimentarias, empresas, institutos de investigación e universidades de España, Italia, Portugal, Francia e Tunisia especializadas en diferentes áreas da ciencia alimentaria, seguridade alimentaria, análise e procesamento de alimentos, sustentabilidade e impacto ambiental e comportamento do consumidor.
FoodChemPack
O grupo de investigación FoodChemPack, creado en 1999 e emprazado no Laboratorio de Bromatoloxía na Facultade de Farmacia, está especializado na análise química de alimentos e actualmente traballa en varias liñas interrelacionadas e cunha gran compoñente bromatolóxica. Estas liñas desenvólvense no campo dos materiais de contacto alimentario (seguridade, avaliación do risco e materiais activos) e das determinacións analíticas relacionadas con diferentes compoñentes dos alimentos.