Presentan o mapa interactivo da flora leñosa do campus de Lugo
A Oficina de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Santiago de Compostela, dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, vén de presentar un mapa web interactivo da flora leñosa do campus de Lugo.
Esta nova aplicación web, a través da que se pretende poñer en valor o patrimonio natural na sede universitaria luguesa, amosa o emprazamento e as características das principais especies e variedades de flora vascular do campus de Lugo. O mapa web interactivo da flora leñosa do campus de Lugo foi elaborado a partir dos resultados dun estudo e inventario botánico da sede universitaria luguesa, promovido pola Oficina de Desenvolvemento Sostible no marco do proxecto Campus Vida. Neste traballo colaboraron os investigadores do Departamento de Produción Vexetal da USC, Antonio Rigueiro Rodríguez, Manuel Rodríguez Guitián, María Isabel Iglesias Díaz e Javier Pereira-Espinel Plata. A adaptación do mapa á web foi realizada por David García San León, do Herbario SANT, un servizo de apoio á investigación da Universidade de Santiago. O estudo completo da flora leñosa do campus de Lugo, un traballo coordinado polo catedrático Antonio Rigueiro, está recollido na publicación ‘Ruta Botánica por el campus de Lugo’, que está dispoñible no Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago.