Ir o contido principal

Presentan nun seminario en Ciencias da Comunicación os resultados galegos dun estudo sobre as culturas xornalísticas

O proxecto de investigación ‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’ (MediaACES) presentará este xoves 29 na Facultade de Ciencias da Comunicación os primeiros resultados da súa investigación. A presentación realizarase no transcurso do seminario ‘Medios responsables e cidadáns críticos. Eficacia e aceptación da rendición de contas en Galicia’ que terá lugar ás 12:00 horas da man de Marcel Mauri, da Universitat Pompeu Fabra, e Marta Pérez Pereiro, da Universidade de Santiago.

Co obxectivo de detectar as culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España así como examinar o impacto das ferramentas de rendición de contas ou media accountability systems, o proxecto realizou unha enquisa a profesionais de Galicia, Madrid, Cataluña e de Euskadi, principalmente, para poder coñecer de primeira man as súas opinións. Nesa consulta, a percepción dos xornalistas galegos sobre o seu contexto laboral é unha das máis negativas do Estado.

Nesta primeira fase da investigación, o proxecto procurou tamén coñecer as impresións da cidadanía sobre a rendición de contas dos medios a través de grupos de discusión realizados nos territorios da mostra. Dirixido a profesionais e estudantes, o seminario busca xerar un debate con xornalistas galegos para contrastar estes resultados e recabar as súas impresións sobre a súa propia cultura xornalística. O seminario celebrarase tamén no resto de sedes das distintas universidades participantes na investigación: Universitat Pompeu Fabra, Universidad Internacional de La Rioja, Mondragon Universitatea, Universitat Jaume I e a Universidad de Sevilla.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2018.