Ir o contido principal

Preséntanse en Lugo máis de 200 traballos de enxeñaría relacionada co medio rural

Inauguración do V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico Agroenxeñaría 2009 en Lugo
Inauguración do V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico Agroenxeñaría 2009 en Lugo
No transcurso do Congreso de Agroenxeñaría darase a coñecer o gañador do Premio Tragsa 2009

O V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico de AgroEnxeñaría deu comezo este luns cun relatorio ofrecido polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez. Á inauguración asistiron tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o director da EPS e presidente do comité organizador, Javier Bueno; a alcaldesa en funcións, Sonia Méndez; a vicepresidenta da Deputación Provincial, Lara Méndez; o presidente de Caixa Rural, Jose María Pardo Montero; e o presidente da Sociedade Española de Agroenxeñaría, Saturnino de la Plaza. Durante o congreso, que se desenvolverá na Escola Politécnica Superior de Lugo ata o 30 de setembro, presentaranse no campus lugués un total de 215 traballos de 600 autores de medio cento de institucións tanto nacionais como estranxeiras.
O evento contará ao longo destes días coa participación como conferenciantes de destacados investigadores no campo da Agroenxeñaría como Fedro Zazueta, da Universidade de Florida; Hans Griepentrog, da Universidade de Copenhague, Keith Crews, da Tecnolóxica de Sidney; e Demetres Briassoulis, da Universidade Agrícola de Atenas.
A realización deste congreso colma as aspiracións do Campus Lugués de visibilizar a actividade investigadora relacionada coa agroenxeñaría na Universidade de Santiago, pois representa a confirmación da relevancia deste Campus en grupos de investigación especializados neste ámbito.
TemáticaEn canto ás áreas temáticas que se tratarán ao longo destes días, haberá un apartado dedicado á construción, na que se achegarán os últimos coñecementos sobre estruturas e elementos de edificación na agroindustria e en infraestruturas rurais. No apartado de enerxía, falarase de electrificación e de enerxías renovables.
No congreso tamén se analizarán os equipos de tracción e manexo da maquinaria de cultivo e aproveitamentos forestais, así como dos materiais para regar e xestionar a auga. Haberá, así mesmo, un apartado dedicado ás tecnoloxías nas que se falará sobre estruturas de invernadoiros, os equipamentos de produción animal ou os procesos industriais tras a colleita.
Os congresistas terán a oportunidade de coñecer o sur da provincia de Lugo. Será o mércores 30 cando realizarán unha visita a distintas empresas produtoras de castaña ou sidra, así como pola Ribeira Sacra.
TragsaDurante o congreso darase a coñecer tamén ao gañador do Premio Tragsa 2009, para novos investigadores en Agroenxeñaría. Será o martes 29 no transcurso dunha cea de clausura da segunda xornada de congreso.
Este congreso está organizado polo departamento de Enxeñaría Agroforestal e a Escola Politécnica Superior de Lugo, en colaboración coa Sección Especializada de Enxeñaría Rural da Sociedade de Ciencias Agrarias de Portugal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2009.