Preséntase a colaboración empresarial co Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións
O Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións que imparten as Universidades de Santiago e a Coruña xunto co centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) conta coa colaboración de numerosas empresas do sector, unha relación que este martes se dará a coñecer nunha rolda de prensa en Santiago. No acto, que terá lugar ás 12.00 horas no Cesga, intervirán os reitores de Santiago e A Coruña, Juan Casares e José María Barja, e o presidente do Padroado Cesga e director xeral de I+D+i da Consellaría de Economía e Industria, Ricardo Capilla Pueyo. Asisten ademais representantes das empresas HP Invent España, Bull, IBM, Fujitsu, AMD, Intel, Gompute e DygraFilms e o coordinador do posgrao, o profesor da USC Tomás Fernández Pena.