Ir o contido principal

Preséntase na Coruña o Programa Diana Fundación Barrié-USC de investigación farmacoxenética

A sede da Fundación Pedro Barrié de la Maza de A Coruña será o espazo no que este xoves, día 13, ás 11:00 horas, se presente o Programa Diana Fundación Barrié-USC de investigación farmacoxenética. No acto participarán o reitor da USC, Senén Barro; o vicepresidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza, José María Arias Mosquera; o profesor Ángel Carracedo, director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e investigador principal do programa; e o director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Xunta de Galicia, Germán González Pazó.
No mesmo acto asinarase o convenio de colaboración entre a Fundación, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago polo que se crea este programa, que será financiado integramente pola Pedro Barrié de la Maza con 1.300.000 euros.
Coa constitución deste programa pioneiro, a Fundación impulsa o proxecto de farmacoxenética máis ambicioso dos desenvolvidos ata agora en Europa, e que contribuirá a converter a un equipo de investigadores galegos no referente europeo neste eido de investigación. O seu obxectivo é avanzar na predición de resposta de cada paciente aos fármacos e personalizar ao máximo os tratamentos coa fin de mellorar a súa eficacia e reducir o seu custe social.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2007.